A actividade, que terá lugar o vindeiro 10 de setembro, é a terceira organizada este ano pola Deputación de Pontevedra. Comezará ás 09.00 horas con Vilaboa coma punto de partida e iniciarase cunha ruta polas Salinas do Ulló. Posteriormente, tras visitar o Miradoiro de Aves, un bus recollerá aos participantes para levalos ao porto de Cangas, dende onde sairán cara ás Illas Cíes.
Xa na illa principal haberá un xantar nos merendoiros entre as praias de Rodas e Figueiras e despois dun pequeno descanso comezará a subida ao Alto do Príncipe (Monte Agudo), unha das rutas máis simbólicas e que permite gozar das mellores panorámicas desde un Parque Nacional único en España.
Ao remate, haberá a opción de seguir en ruta ata o Faro de Portas, na parte sur da illa pasando pola Lagoa dos Nenos, ou de quedar na marabillosa praia de Rodas.
Durante a actividade, que durará aproximadamente ata as 20.00 horas, impartirase un obradoiro ornitolóxico sobre as aves do ecosistema das Illas Atlánticas no que se incluirán técnicas para a observación e claves para a identificación de aves, tanto en voo como en terra. Ademais, os participantes poderán recibir un obradoiro de introdución en técnicas de fotografía de aves en voo, medio mariño e terrestre.
Posteriormente a esta ruta das Illas Cíes desenvolveranse outras dúas andainas nos meses de setembro e outubro, a primeira en Tui, co Camiño de Santiago, e, en último lugar, en Soutomaior.