As visitas, dunha duración de 45 minutos, achegaron ás familias da provincia as historias do castelo desde un punto de vista próximo, divertido e participativo. Ademais, para levar a cabo a actividade aproveitáronse as salas interactivas do castelo e, así, os participantes puideron facer percorridos polo edificio acompañados dos antigos habitantes do castelo, bufóns, cabaleiros, cociñeiros e cociñeiras, trobadores e trobadoras, e a gran novidade deste ano, a pantasma da fortaleza, O Alemanote.
Con estas actividades, que este ano celebran a súa terceira edición, o goberno de Carmela Silva quixo ofertar unha forma diferente de descubrir e coñecer o Castelo de Soutomaior dirixida a todas as persoas que integran a familia, dende as máis pequenas ás maiores, dun xeito divertido e interactivo no que as nenas e nenos puideron coñecer a súa historia dende un punto de vista máis próximo, converténdose cada visita nunha verdadeira aventura.
Dende a súa reapertura o pasado mes de maio, xa pasaron por Soutomaior 23.000 persoas, un 110% máis que no mesmo período maio-setembro de 2017.