O obxectivo da actividade é promover e poñer en valor os recursos da provincia de xeito que, cada ano, as rutas xiran arredor do eixo de promoción turística. Desta vez, cada andaina vai asociada a unha actividade transversal relacionada co patrimonio, permitindo durante cada unha das cinco rutas coñecer dende o patrimonio histórico e cultural ata o natural ou o paisaxístico.
A primeira ruta terá lugar o 20 de maio nas Neves. Tratarase dun percorrido circular, dende diante da Casa do Concello, de dificultade media e distancia de 15,6 quilómetros a realizar en aproximadamente tres horas e media.
Esta actividade ten a particularidade de que se desenvolve no quilómetro cero do que foi a vaga de lumes do pasado outubro, nun concello co 90% do seu territorio afectado. Así, realizarase como actividade transversal unha charla de concienciación, sensibilización e prevención dos incendios a través de persoal de medio ambiente. As persoas interesadas en participar nesta actividade terán que inscribirse, a través da web da Deputación de Pontevedra entre o 4 e 16 de maio.
Entre Moaña e Cíes discurrirá a segunda ‘Depoandaina 2018’ no mes de xuño. Neste caso, trátase dun percorrido circular, dende o Parque da Xunqueira de Moaña, e dificultade baixa que percorrerá 6,5 quilómetros en Moaña e 8 quilómetros en Cíes. Como actividade transversal, para esta andaina prevese impartir unha charla sobre as aves que habitan nas Illas Cíes que é unha Zona de Especial Protección para este animais.
A terceira ruta, tamén circular e de dificultade media-alta, terá lugar o 8 de xullo cara o Castelo de Sobroso, saíndo dende a Casa do Concello de Mondariz e cun percorrido de 14 quilómetros. Neste caso, a iniciativa transversal que propón a Deputación é unha explicación da historia do castelo, a súa orixe e importancia, momentos clave dende a súa existencia e algunha das batallas libradas no seu seo, as persoas máis relevantes que viviron nel así como sobre o Castro de Troña. As persoas interesadas en participar nesta actividade terán que inscribirse, a través da web da Deputación de Pontevedra entre o 11 de xuño e o 4 de xullo.
A serra do Candán será a protagonista do cuarto roteiro, que terá lugar o 9 de setembro. Será unha ruta circular, desde a aldea de Bustelos, de dificultade baixa e cun percorrido de preto de doce quilómetros polos concellos de Lalín e Silleda. Ademais, prevese impartir unha charla sobre a flora e a fauna da zona así como un obradoiro de “Shirin-Yoku” ou “curación do bosque”, unha técnica cada vez máis estendida en Europa, principalmente en Alemaña, de relaxación e que consiste no contacto coa natureza. As persoas interesadas en participar nesta actividade terán que inscribirse, a través da web da Deputación de Pontevedra entre o 9 de xullo e 5 de setembro.
A última ‘Depoandaina 2018’ celebrarase o 7 de outubro e será un percorrido circular por Gondomar de 12,4 quilómetros a realizar durante tres horas. Paralelamente, ofrecerase un taller de sendeirismo e orientación con explicacións sobre as diferentes sinalizacións existentes, o seu significado e grao de dificultade, a interpretación das mesmas e tamén dos mapas, así como consellos e precaucións á hora de realizar andainas. O prazo para inscribirse na última ruta do programa permanecerá aberto entre o 10 de setembro e o 3 de outubro.