Máis polo miúdo a presidenta provincial desagregou os datos por comarcas, dando a coñecer que Caldas acadou o 84% de ocupación durante a ponte de maio, seguida de Vigo co 70% e O Salnés co 62% (sendo superada a porcentaxe en vilas como Vilagarcía de Arousa, na que se rozou o 80%, ou o Grove, que acadou o 70%). Pola súa banda, as comarcas de Pontevedra e O Morrazo obtiveron unha ocupación do 60%.
No caso do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, Carmela Silva destacou que “agardábamos o 34% de ocupación e finalmente obtiveron unha porcentaxe 30 puntos superior, do 65%”. Tamén foi superior o resultado das comarcas do Condado e da Paradanta nas que se agardaba un 30% e se superou o 32%.
A presidenta da Deputación informou que as estimacións realizadas en canto ao turismo rural tamén foron superadas polos resultados finais. “Agardábamos un 39% de ocupación nas casas rurais e acadamos un 43% nestes establecementos, 4 puntos por riba do estimado”, indicou Silva.
En canto ás persoas que visitaron a provincia, a presidenta asegurou que o 71% eran españolas, de Cataluña, Andalucía e Castela e León, fronte ao 29% de estranxeiras e procedentes do Reino Unido, Arxentina e Portugal. A maioría contaban con idades superiores aos 60 anos, aloxáronse en hoteis entre 7 e 15 días e visitaron a provincia motivados pola súa cultura percorrendo, principalmente, Vigo, Pontevedra, Cuntis, Sanxenxo e Baiona. Ademais, e tal e como informou Silva, o 59% das persoas que chegaron ás Rías Baixas non tiñan estado na provincia con anterioridade.
Datos de ocupación hoteleira do mes de abril
A presidenta da Deputación tamén deu a coñecer os datos de ocupación hoteleira correspondentes ao mes de abril e que sitúan a porcentaxe definitiva no 50%. Neste eido, e por comarcas, Silva asegurou que Caldas acadou o 84%, seguida de Vigo co 63%, Pontevedra co 59%, as comarcas do Deza e Tabeirós co 56%, O Baixo Miño co 45%, O Salnés e O Morrazo co 35% e O Condado e A Paradanta o 16%.
No que respecta ao turismo rural, a ocupación definitiva nestes establecementos durante o mes de abril foi do 20%.
Carmela Silva tamén deu a coñecer o perfil das persoas que visitaron a provincia durante o mes pasado e que se corresponden con españolas (77%) chegadas desde Madrid, Vizcaya e Murcia. Entre as persoas estranxeiras (23%) a maioría proviñan de Italia, Reino Unido e Alemaña.
O principal motivo polo que viñeron á provincia de Pontevedra en abril, tal e como destacou a presidenta, é a cultura e o 73% das persoas que visitaron Rías Baixas o mes pasado nunca estivera na provincia antes.
“No que levamos de ano –asegurou Carmela Silva – falamos xa de 190.000 persoas que visitaron a provincia de Pontevedra o que supón un incremento do 7,9% con respecto ao mesmo período do ano pasado. Dentro da provincia, destacamos os resultados de Vigo xa que, no que levamos de ano, conta co maior número de viaxeiros da última década, cun aumento do 12%”. Silva tamén puxo en valor que, nos primeiros meses de 2018, se acadaron máis de 365.000 pernoctacións que significan un incremento do 9,2% con respecto ao 2017. Máis polo miúdo, a presidenta amosou a súa satisfacción porque “estas cifras sitúanse moi por riba da media española, xa que no estado os incrementos foron do 6% no número de visitantes e do 3,7% nas pernoctacións, o que pon de manifesto que as Rías Baixas estanse a converter nun espazo de grande atracción turística”.