Coa máxima de que «a política social é o máis importante que hai en Vigo», Abel Caballero firmou este martes catro convenios de apoio a entidades da área de Benestar por un valor total de 214.000 euros.
En virtude do mesmo, Afaga (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer) recibirá 18.000 euros, a Asociación de Persoas Xordas de Vigo 20.000 euros, a Fundación Provincial Banco de Alimentos recibe 86.000 euros e a Asociación Vida Digna 90.000 euros. No caso destas dúas entidades, o rexedor apuntou que «é practicamente a axuda máis importante que teñen» e, no nome da cidade, agradeceulles o seu labor, especialmente nos comedores sociais.
Ademais, o alcalde deu conta da aprobación na Xunta de Goberno Local do proxecto empresarial «Saudepet», orientado á xeración de emprego para ofrecer servizos para mascotas e o proxecto «Novos Vigueses polo emprendemento», un programa de itinerarios de emprendemento xuvenil destinado a mozos de entre 16 e 30 anos que recibirán formación individual e aprendizaxe con estancias en Start-ups. O proxecto no que o goberno municipal ten «gran confianza» desenvolverase entre setembro e abril de 2018 e contará cunha achega de case 200.000 euros.