Desde que a comezos de xuño iniciara o seu periplo, Felipe Carnotto está a visitar distintas iniciativas de loita contra a pobreza cofinanciadas desde o ano 2003 en materia de turismo sostible, autoconstrución de vivendas, formación agropecuaria, abastecemento de auga ou empoderamento das mulleres. Nos primeiros días, coincidiu en terreo coa técnica de proxectos do Fondo Galego, a tamén viguesa Andrea García Corzo, que durante dúas semanas supervisou os resultados das intervencións realizadas entre 2011 e 2015.
A asociación municipalista desenvolveu ata o momento un total de 17 proxectos co Instituto de Promoción Humana-Somoto como parceiro local, algúns deles con achegas extraordinarias de entidades socias coma o Concello de Vigo e mesmo da Consellería de Vivenda. No entanto, desde 1998 o Fondo Galego ten apoiado unha trintena de actuacións no país centroamericano que suman preto de un millón de euros de investimento, moitas delas en colaboración con ONGD galegas.
Na actualidade, estase a executar unha intervención con Amigos da Terra para facilitar o acceso á auga a 178 familias empobrecidas e outra con Taller de Solidaridad a prol do turismo rural comunitario. O obxectivo de Felipe Carnotto recollerá estes e outros proxectos, así como actividades culturais, espazos naturais, xuntanzas con mocidade, etc. A andaina do fotoxornalista, que conta con distintos galardóns e ten publicado en xornais como Der Spiegel, Financial Times ou The Guardian, pode seguirse na bitácora www.felipecarnotto.com/blog.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 85 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.