Neste senso, a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, amosou a súa satisfacción porque desde o ano 2015 son xa preto de 2.000 as adopcións conseguidas, en concreto, 1.954. “É un dato moi positivo _indicou_, e que nos anima a seguir traballando para darlles un fogar en condicións a estes animais. O CAAN segue mantendo a premisa coa que naceu hai seis anos: fomentar o dereito á vida dos animais, erradicar o abandono e promover as adopcións”.
Os datos son especialmente positivos nestas últimas semanas e, concretamente desde que se puxo en marcha a nova campaña de sensibilización “Esteriliza, adopta”, xa que neste período acadáronse un total de 21 adopcións, cunha media de 2,6 por día. A meirande parte foron adoptados por particulares e, no que se refire a esta última semana, os cans e cadelas foron aos seus novos fogares en Forcarei, Lalín, Cambados, Vigo, O Grove, Teo, Meis, Cerdedo-Cotobade, Tomiño, Ponte Caldelas, A Estrada e ata localidade de Xermade (Lugo).
Nesta semana puido deixar o CAAN “Bertín”, que levaba os seus seis anos de vida no centro, onde entrara sendo un cachorro, e relévao como avó da canceira “Apro”, un caan que entrou no centro en 2014 sendo unha cría. Entre as adopcións destes últimos días destaca tamén o caso de “Liliana”, unha cadela que fora abandonada hai un mes en Ribadumia e á que o persoal do CAAN tivera que recoller cunha gaiola trampa debido á súa desconfianza coa xente. No centro reconducíuselle o carácter ata convertela nunha cadela tranquila e confiada. Foi adoptada por unha moza animalista.
Tamén hai que salientar o caso de “Almofredo, que foi adoptado o día 3 de decembro por unha moza comprometida co benestar animal e que ofrece de xeito habitual o seu fogar como casa de acollida para protectoras da Coruña. O animal será para o seu pai, xa que espera que lle poida axudar a superar a morte do seu anterior can, co que levaba vivindo vinte anos. Outro caso a subliñar é o dos irmás “Zasca” e “Zascón”, que foran abandonados en Meis en setembro e tiñan sarna. Recuperáronse no CAAN e foron adoptados xuntos por unha familia residente en Vigo. Amais, unha muller de nacionalidade inglesa levouse para o Reino Unido a tres cans, “Pirri”, “Bar” e “Inco” o pasado día 4. Esta muller soe difundir no seu país os cans do CAAN e ela mesma se encarga de levalos. Por último, o can “Mingo”, que entrou no pasado mes de novembro no centro, volveu ao seu concello de orixe, Tomiño, onde levaba abandonado tempo e era coidado polos habitantes dunha aldea. Un dos veciños botábao de menos e adoptouno para levalo de novo ao pobo.
O Centro de Acollida e Protección de Animais que xestiona a institución na Armenteira, dá servizo actualmente á 48 concellos da provincia, cunha poboación estimada de 400.000 habitantes. Nestes momentos, son 400 os cans e cadelas que se atopan nas instalacións á espera de ser adoptados. Na páxina web do centro (https://caan.depo.gal/), ademais de poder ver a todos os animais, pódense facer tamén todos os trámites relativos ás adopcións, que son gratuítas. Os cans e cadelas son entregados vacinados, desparasitados e esterilizados.