Hai 31 anos o primeiro Encontro galego pola paz realizouse en Panxón, grazas ao seu promotor histórico, Xesús (“Suso”) Rodríguez Jares. Adoptouse a idea dun “encontro”, frente a unhas meras xornadas, polo valor dun convívio de pasar toda unha fin de semana en torno á reflexión colectiva sobre educar para a paz, fomentar unha convivencia óptima e afrontar os conflitos de xeito nonviolento.
O programa do XXXI Encontro abrangue temáticas educativas como as Boas Vindas con xogos cooperativos; a aprendizaxe colaborativa a través da dinámica do World Café e tamén mediante unha simulación intercultural en torno á identidade de xénero; dous relatorios (con intérpretes de lingua de signos) sobre as persoas desprazadas do mundo; a presentación de experiencias e comunicacións en Educación para a Paz —como, por exemplo, a presentación da publicación Micromachismos: de micro nada de Fiadeiras, ou a exposición do fotoxornalista Felipe Carnotto Exodus: na procura de refuxio—; e obradoiros simultáneos sobre, por exemplo, as crianzas transxénero, a escrita creativa, a lingua de signos, ou danzas do mundo.
Este evento conta, coa asistencia de profesionais do ensino, estudantado universitario do ámbito da educación social asi como outros membros da comunidade educativa. Ademais, nunca faltan os espazos da Festa da Paz, a largada do Pomba da Paz, e os momentos espontáneos de poesía, música, xogos, baile, e celebración en conmemoración da histórica Revolução dos Cravos, do 25 de abril no país viciño, Portugal.