Os solidarios concentráronse diante do Marco coincidindo coa celebración do proceso xudicial e reclamaron a eliminación das anteriores condenas e a posta en liberdade dos acusados. A mobilización desenvolveuse ás portas do Marco entre as 11.00 e as 11.30 horas, onde varias ducias de persoas despregaron bandeiras da República Árabe Saharahui Democrática (RASD) e berraron consignas de apoio aos activistas procesados. “Sahara liberdade, Polisario vencerá” ou “Marrocos culpábel, España responsábel” foron as palabras de orde máis escoitadas durante unha protesta coa que os solidarios reclaman a anulación das anteriores condenas impostas polo Reino de Marrocos e esixen a inmediata posta en liberdade dos afectados.
O acto rematou coa lectura dun comunicado conxunto por parte de Sefi Romero, da CIG de Vigo, e coa intervención da presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharahui, Maite Isla, e dos representantes das distintas organizacións participantes. Todos coincidiron tamén en demandar o cese da ocupación marroquí e que se cumpran as resolucións internacionais, “fixando xa unha data para o referendo de autodeterminación ao que o pobo saharauí ten dereito”.