As xornadas, que se desenvolverán na sede de Afundación, están organizadas polo servizo de Medicina Física e Rehabilitación do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), que dirixe o doutor Javier Juan García. Conta coa colaboración da Sociedade Galega de Rehabilitación e da Sociedade Española de Neurorrehabilitación, da que o doutor Juan foi fundador no ano 1998 e primeiro presidente nacional.
A celebración das xornadas nestas datas vén motivada por que o propio día 26 é o Día do Dano Cerebral Adquirido en España e o próximo 29 deste mes conmemórase o Día do Ictus, dous das patoloxías directamente relacionadas coa neurorrehabilitación.
A cita, segundo explica o doutor Juan García, ten como obxectivo “revisar os avances que se produciron na especialidade así como realizar unha posta ao día nas múltiples patoloxías que abarca a neurorrehabilitación”.
Durante os días da reunión científica, participarán máis de 30 relatores dos máis importantes hospitais e centros de España dedicados ao dano cerebral ou ás lesións medulares. Disertarán especialistas do Instituto Guttmann de Badalona, Hospital do Mar de Barcelona, Investigación do Hospital La Paz de Madrid, Hospital Vhitas de Valencia, Hospital Aita Mennin de Guipúzcoa e dos servizos de Neuroloxía e de Rehabilitación do Chuvi.
Temática
Os asistentes ás distintas sesións poderán participar en disertacións como a situación da neurorrehabilitación en España e Portugal, actualización de células nai e robótica en lesionados medulares, actualización do Ictus, neurorrehabilitación na Esclerose Múltiple, alteracións no equilibrio e na postura, espaticidade, Esclerose lareral amiotrófica, abordaxe psicolóxica e psiquiátrica no dano cerebral adquirido, disfaxia, vexiga e intestino, ou tratamentos a pacientes en estado vexetativo persistente ou con mínima reposta.
“Abórdanse practicamente todas as patoloxías que teñen que ver coa neurorrehabilitación, pero tamén haberá talleres de traballo en diferentes aspectos como as ondas de choque, bloqueos ecoguiados, espasticidade e toxina”, afirma o doutor García.
Ademais, o día previo ao comezo das xornadas haberá un curso específico para médicos internos residentes sobre os aspectos máis relevantes deste campo.
Pola súa banda, o servizo de Medicina Física e Rehabilitación do Chuvi fará a presentación do libro “Notas de Neurorrehabilitación”, que aborda diferentes aspectos da rehabilitación neurolóxica a través de distintos artigos escritos por facultativos do propio servizo.
Elevadas cifras de pacientes
A importancia da neurorrehabilitación na área sanitaria de Vigo reflíctese no número de pacientes atendidos ao longo do ano.
O servizo do CHUVI atende, segundo os últimos datos estatísticos, a 600 pacientes adultos á semana con secuelas de enfermidades neurolóxicas, un dato de suma importancia.
Ademais, no último ano atendéronse a máis de 500 pacientes en idade pediátrica que necesitaban asistencia por secuelas de episodios neurolóxicos.