O próximo 21 de novembro é o Día Mundial da EPOC. Pero co gallo da celebración esta mesma semana do congreso anual da Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria (Sopagar), o grupo galego de EPOC decidiu impulsar unha serie de actos nas sete áreas sanitarias galegas, que se celebraron hoxe.
Vigo sumouse a estes actos que coordina o servizo de Pneumoloxía. Houbo unha mesa informativa na zona de consultas do Hospital Álvaro Cunqueiro. Desde as 9.30 ata as 13.30 horas, todas as persoas que o desexaron puideron someterse a unha espirometría, principal test para diagnosticar precozmente a EPOC, e a unha proba de idade pulmonar.
Na mesa participaron pneumólogos, enfermeiras, residentes e estudantes. Ademais das espirometrías, na mesa instruíse sobre o uso de inhaladores a todos os que o solicitaron, deuse consello aos fumadores para abandonar o hábito tabáquico e informouse sobre unha enfermidade incluída dentro das causas xenéticas da EPOC, denominada Déficit de alfa-1-antitripsina.
Moita prevaleza
A Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica (EPOC) é unha obstrución crónica das vías respiratorias que dificulta a respiración aos afectados e que está causada fundamentalmente polo tabaco. Os síntomas máis comúns da enfermidade son a dispnea (respiración difícil ou desproporcionada á actividade física realizada), tose, sibilancias (asubíos que se emiten ao respirar) e un aumento da produción de esputos (mucosidade que se expulsa desde as vías respiratorias). Estes síntomas poden limitar a capacidade dos pacientes para desenvolver as súas actividades cotiás.
A EPOC é unha enfermidade cunha alta prevaleza, que no noso país chega ao 10,2% dos adultos entre 40 e 80 anos. Está estreitamente vinculada ao hábito de fumar, xa que case o 90% dos casos prodúcense por esa circunstancia. Aproximadamente un terzo dos españois fuman e destes entre un 20 e un 25% desenvolverán esta enfermidade pulmonar. O alarmante é que en torno ao 70% das persoas que a padecen non o saben, en parte porque aínda que presentan síntomas achácanos ao tabaco e non consultan ao seu médico de Familia.
“Esta enfermidade supón aproximadamente un 15% de todas as consultas de Atención Primaria, e chega ao 30% no servizo de Pneumoloxía. Provoca un importante número de ingresos hospitalarios sobre todo en épocas invernais, que se aproxima aos 6.000 pacientes anuais nos hospitais galegos”, explica a doutora Cristina Represas, pneumóloga do Chuvi.
A EPOC comporta ademais un importante consumo de recursos sanitarios, alcanzando os seus custos estimados en España un 0,2% do Produto Interior Bruto (PIB).
Hai ademais un compoñente social importante nesta enfermidade, pouco estudado, polo que Pneumoloxía leva a cabo un estudo para coñecer estes aspectos e a súa influencia na calidade de vida, reingresos e incluso mortalidade dos pacientes, estudo que acaba de ser recentemente financiado polo Instituto de Saúde Carlos III.
Diagnóstico precoz
Diagnosticar a EPOC é fácil e barato, simplemente realizando unha espirometría. Pero para iso, os pacientes deben recoñecer os síntomas e consultar ao seu médico no centro de saúde ante a presenza destes, sobre todo se ten máis de 35 anos e antecedente de tabaquismo.
A unidade de Pneumoloxía leva anos traballando, con programas formativos sobre a realización de espirometrías para profesionais de Atención Primaria, o que permitiu xunto á dotación de espirómetros, que esta proba poida ser levada a cabo de forma adecuada en practicamente todos os centros de saúde da área sanitaria viguesa.
Co diagnóstico precoz pódense poñer en marcha tratamentos para mellorar os síntomas, a calidade de vida e o prognóstico desta enfermidade, coa consecuente diminución do gasto sanitario asociado: tres cuartas partes do custo da enfermidade débense a realizar o diagnóstico en fases avanzadas da enfermidade.
Referencia en España
O servizo de Pneumoloxía do Chivi é o representante de Galicia no novo estudo que se realiza en España para medir a prevaleza da Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica (EPOC).
O estudo, denominado Episcan, substituirá ao que existe na actualidade e que data do ano 2007. O novo documento será unha actualización do anterior e supoñerá coñecer, con exactitude, a evolución desta enfermidade, que segue a ser unha das primeiras causas de morte evitable en España e en Galicia. “O novo estudo comezou a realizarse en 2017 e os resultados coñeceranse en breve”, afirma a doutora Cristina Represas.
O Servizo de Pneumoloxía do Chuvi está considerado como pioneiro en España nas actuacións e tratamento da EPOC. Participa, con outros servizos de distintos hospitais españois, na realización do novo estudo.