Con tal motivo, representantes e investigadores do ILN entregaron unha placa á Dirección do Chuvi, nun acto que coincidiu cunha nova sesión de ensinos científicos aos pacientes ingresados na planta de Pediatría.
Na placa, que recibiu o xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo, Félix Rubial, figura unha inscrición na que se pode ler: “International Iberian Nanotecnology Laboratory, en agradecemento pola confianza e colaboración entre o Hospital Álvaro Cunqueiro e a ‘Mission NERD’, con motivo do noso primeiro aniversario”.
O proxecto ten por obxecto mostrar aos cativos ingresados na planta de Pediatría experimentos sinxelos e próximos ao día a día como unha forma de facer a ciencia máis divertida.
O Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía (INL) creouse no ano 2005, mediante un acordo entre os gobernos de España e de Portugal. Ten a súa sede na cidade portuguesa de Braga e traballa en estreita colaboración coa súa universidade.
Os obxectivos do INL son a captación de mozos e mozas investigadores en distintos campos da ciencia, así como a colaboración con institucións e empresas. É a primeira organización intergobernamental de Europa en Nanotecnoloxía e Nanociencia.
En Braga traballa na actualidade un importante número de científicos españois novos dos que unha boa parte son graduados e licenciados nas universidades galegas, sobre todo pola proximidade xeográfica.
O Laboratorio conta, entre o seu equipo de asesores internacionais, con eminentes profesores de universidades de todo o mundo: Nova York, Filadelfia, Los Ángeles, Virginia, Göttingen ou Karlsruhe.