Unha representación do colectivo de TCAE volveu pecharse no interior do vestíbulo principal dende as 12:00 horas deste xoves ata a mesma hora deste venres para denunciar que a nova función que teñen que desenvolver lles impide ofrecer unha atención correcta a usuarios e doentes.
Segundo informou a CIG, durante o peche o responsable da concesionaria presentouse no lugar para esixirlles que retirasen os carteis que teñen colocados nas paredes do centro -algo que levan intentando dende o inicio do conflito-, ao que se negaron lembrándolles que non obedecen instrucións de ningunha compañía privada xa que son traballadores públicos.
O sindicato tamén denunciou que o xoves, coincidindo coa visita do conselleiro de Sanidade ao hospital, o propio xerente da EOXI, Félix Rubial, retirou varios carteis coas súas propias mans, momento que foi captado por varios traballadores cos seus teléfonos móbiles.Rubial foi este venres precisamente o branco principal das protestas pola súa xestión e pola súa actitude. O persoal esixiu a berros a súa dimisión e concentrouse varios minutos ás portas do seu despacho.
Anteriormente, os manifestantes decidiran saír en manifestación ata a rotonda da estrada Clara Campoamor, onde interromperon o tráfico por un breve espazo de tempo.