O obxecto é que un mago realice as súas actuacións neste escenario e tamén que os menores hospitalizados se convertan en aprendices de maxia e practiquen os xogos e trucos, fomentando súa creatividade.
É unha actividade lúdica e divertida na que o público infantil interactúa co mago no espazo máxico, que conta con distintos elementos básicos para que os pequenos poidan aprender e, no seu caso, practicar, trucos moi sinxelos: variñas máxicas, cartas cambiantes, caretas cornetes ou ‘book’ de cores.
A iniciativa que chega ao Álvaro Cunqueiro enmárcase no programa que, a nivel nacional, puxo en marcha a Fundación Abracadabra, na que se integra a asociación Magos Solidarios, e na que colaboran concesionarios de Citroën.
O Mago Cali foi o encargado de abrir o ciclo de maxia preparado para os pacientes de menor idade e que fixo as delicias dos nenos e nenas hospitalizados. Á actuación inaugural asistiron o xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial, e o xerente do concesionario Citroën Retail de Vigo, Daniel Martín, que recibiu un agasallo da Fundación Abracadabra en recoñecemento ao financiamento achegado para a adquisición do material necesario para os distintos números de maxia.
A posta en marcha desta iniciativa súmase ás que xa funcionan periodicamente na planta de hospitalización de Pediatría e que forman parte do plan de humanización de servizos da EOXI de Vigo, tanto nos hospitais como nos centros de Atención Primaria.