Os coches -modelo Mercedes- levan un control remoto para os adultos con dúas velocidades. Contan cun completo equipamento, luces, claxon, mp3 e música. Dous dos automóviles irán destinados á UCMA pediátrica. Deste xeito, preténdese o traslado dos nenos e nenas hospitalizados ata o quirófano nestes descapotables teledirixidos, coa fin de reducir a ansiedade dos menores antes de entrar na sala de operacións. O outro vehículo irá destinado ao servizo de Pediatría para o traslado dos menores a realizar probas diagnósticas durante o seu ingreso hospitalario.
O proxecto dos coches eléctricos terapéuticos enmárcase no plan estratéxico da área sanitaria de Vigo, cuxo obxectivo prioritario é a humanización da asistencia, fundamentalmente na área dos coidados pediátricos.
O uso dos coches teledirixidos de xoguete dentro das instalacións do hospital polos pacientes pediátricos é terapéutico, xa que contribúen a facerlles máis doada e menos traumática a estadía hospitalaria, a asistencia a probas diagnósticas ou o seu paso polo quirófano.
Ademais de aportar tranquilidade ao menor, procura unha mellor colaboración co persoal sanitario no seguimento das pautas do seu tratamento e, como consecuencia, proporciona unha maior efectividade na súa asistencia clínica.
Anualmente ingresan no servizo de Pediatría do Cunqueiro 4.100 nenos e nenas. Un total de 1.300 pasan polos seus quirófanos, dos que 700 son intervidos de xeito ambulatorio, sen ingreso hospitalario.