“Este investimento cobre o 80% da subministración das substancias reactivas que se empregan no traballo ordinario dos nosos laboratorios”, explica o xefe do servizo de Anatomía Patolóxica, o doutor Joaquín González-Carreró Fojón.
A actividade do servizo de Anatomía Patolóxica está a crecer cada vez máis e o pasado ano realizáronse nos laboratorios do Álvaro Cunqueiro 54.401 biopsias e 31.729 citoloxías. A maioría das citoloxías xinecolóxicas realizadas proceden de solicitudes dos profesionais dos centros de saúde de atención primaria.
Na súa actividade tamén contabilizáronse 200 biopsias de sistema nervioso e 246 biopsias con microscopía electrónica. Ademais, practicáronse 88 autopsias solicitadas polos facultativos ou polos familiares da persoa falecida (as realizadas por orde xudicial non se inclúen nesta cifra porque as realiza o Imelga, Instituto de Medicina Legal de Galicia).
Un servizo fundamental
É unha especialidade que ten pouco contacto cos pacientes aínda que a súa actividade é fundamental na obtención e confirmación dun diagnóstico definitivo na maioría das patoloxías, sendo ademais o maior condicionante das indicacións terapéuticas.
Dispón ademais dun circuíto urxente para a realización deste tipo de probas e, cun método de procesado de dez minutos, os patólogos estudan a mostra e realizan un informe que comunican de xeito inmediato o cirurxián que está en quirófano. Así, os cirurxiáns podan decidir, segundo as análises realizadas, se seguen ou no coa intervención cirúrxica e o tipo da abordaxe a empregar na mesma, máis ou menos agresiva. Nestes casos, case sempre relacionados con pacientes oncolóxicos, a análise das mostras é fundamental.
En Anatomía Patolóxica traballan 54 profesionais. Baixo a dirección do doutor Joaquín González-Carreró Fojón, hai 16 médicos especialistas en patoloxía, unha supervisora, seis residentes, 27 técnicos especialistas e catro administrativos.