A través dun comunicado, o Sergas asegura non ter constancia das renuncias deste profesionais pero ante as publicacións da prensa, a dirección pediu que se manteña aberta a vía para solucionar os “problemas actuais deste nivel asistencial”.
Aínda que ese extremo foi cualificado de “mentira” polos médicos, a Consellería de Sanidade insiste en que a “carencia absoluta de médicos en desemprego” nas listas de contratación para a realización de substitucións non é unha circunstancia exclusiva da área sanitaria vigueses, senón que “é un problema común en toda España”.
“Os xefes de servizo constitúen parte da solución e representan un activo esencial para a posta en marcha de propostas e alternativas que dean resposta a esta situación”, sinala o Sergas, que asegura que vén traballando desde hai máis dun ano desenvolvendo “diferentes liñas de actuación que permitan manter o seu alto nivel asistencial e resolutivo atendendo ás mellores condicións de benestar para os seus profesionais”.
Investimentos
Desde o Chuvi tamén inciden nos investimentos que se están a efectuar, tales como a ampliación das vías rápidas e consultas de priorización para o diagnóstico e tratamento de diferentes patoloxías; a implantación da triaxe neste nivel; a incorporación da enfermaría especialista nos centros de saúde; ou a optimización das teleconsultas para o seguimento consensuado de pacientes.
Igualmente, salienta a posta en funcionamento dos novos centros de Oia, Tui, Panxón e Taboada Leal; a construción do de Gondomar e os proxectos de Bouzas, Salceda de Caselas e Pazos de Borbén.