O obxectivo deste proxecto é mellorar a eficiencia enerxética do edificio dacordo coa normativa estatal e europea vixente, controlar o consumo enerxético, posibilitar a introdución de enerxías renovables e edificios sostibles e mais contribuír á difusión dunha cultura responsable co coidado do medio ambiente.
Ademais de mellorar a comodidade dos pacientes e traballadores, o aforro de enerxía está orientado a reducir custes na explotación dos centros, a minimizar a carga enerxética e contribuír así á conservación do medio ambiente.
A día de hoxe, o sistema de climatización do hospital Meixoeiro (refrixeración, central calor, e distribución de aire) supón un 53% do consumo eléctrico do hospital, e a iluminación un 21%. A maiores, estarían os equipos como ascensores, grupos de presión, e equipamentos de tecnoloxía médica.
Estudo
O Sergas realizou un estudo para mellorar o illamento térmico do edificio con uso hospitalario, e concluíu a necesidade de reformar as cubertas, fachadas e ocos actuais mediante o cambio dos elementos que as conforman, así como a incorporación de materiais illantes que provoquen unha menor demanda do sistema de climatización do edificio, e a eliminación de problemas de humidades actuais.
Coa substitución de carpinterías e vidros, a instalación dun sistema de illamento térmico da envolvente, e a mellora de iluminación, a cualificación enerxética do hospital mellorará substancialmente ao reducirse nun 24% as emisións de gases á atmosfera.