Durante a mañá do mércores, o helicóptero realizou varias probas de aterraxes e despegues desde a terminal do hospital para calibrar as manobras de aproximación. Tralo simulacro realizado esta mañá, cun hipotético paciente, danse por concluídas con éxito as probas e o heliporto do Hospital Álvaro Cunqueiro está xa operativo para o traslado directo desde un rescate en alta mar ata o centro hospitalario.
Un simulacro similar produciuse hai aproximadamente un mes co helicóptero do 061, que desde entón xa realizou polo menos catro traslados reais de pacientes ata o Álvaro Cunqueiro.
O Pesca 1 necesitaba facer este tipo de probas, tendo en conta que é un aparato que dobra en dimensións ao primeiro e que dispón de protocolos de actuación diferentes por ese motivo.
No operativo participaron un médico, unha enfermeira e dous celadores do servizo de Urxencias, ademais da dotación do helicóptero integrada por piloto, copiloto e dous especialistas en rescate.
A principal vantaxe que supón o protocolo en vigor desde hoxe é a ganancia de tempo na evacuación, xa que desde que o ferido é desembarcado do helicóptero ata que entra no servizo de Urxencias transcorre ao redor dun minuto, grazas á conexión directa por ascensor entre o heliporto e o mencionado servizo hospitalario.
O simulacro desta mañá foi presenciado tamén por un mando e dous tripulantes do servizo de helicópteros da Policía Nacional, para comprobar a situación e as manobras de aproximación para o caso dunha posible intervención da súa unidade aérea.