“Estamos a falar do quirófano máis complexo e avanzado de todos os que hai en España”, dixo, subliñando que os procedementos que permite rebaixarán aínda máis o risco e a duración deste tipo de intervencións cunha cirurxía menos invasiva e ofrecerán unha imaxe de altísima calidade ao multiplicar por sete a potencia dos equipos portátiles.
Así mesmo, a través dunha pantalla panorámica, os cirurxiáns poderán recibir imaxes en tres dimensións, realizar un mapa dinámico do sistema circulatorio do paciente e combinar a imaxe radiolóxica con outras obtidas por escáner, resonancia magnética ou ultrasóns.
Durante unha visita ás instalacións do novo quirófano, Feijóo avanzou que nas próximas datas o hospital público da Coruña incorporará un equipo coma este e resaltou que, dous anos despois do inmenso desafío técnico e organizativo que supuxo a apertura do Hospital público de Vigo, con este novo equipo se reforza a calidade da súa atención sanitaria. Unha atención que, segundo as últimas enquisas, os usuarios valoran cun 8,6 sobre 10.
Feijóo concluíu afirmando que coa incorporación de equipos de alta tecnoloxía pioneiros, como este quirófano, o Hospital público Álvaro Cunqueiro segue reivindicándose como un dos mellores centros sanitarios de España. “Estamos ante o hospital máis completo que nunca fixo o Servizo Galego de Saúde e un dos máis importantes de España”, aseverou, lembrado que a sociedade galega foi capaz, durante a recesión económica, non só de manter unha sanidade pública excelente senón que foi capaz de incrementala e mellorala.
O presidente da Xunta garantiu o compromiso de seguir apostando pola Sanidade: finalizando as obras dos hospitais e dotándoos de nova tecnoloxía, facendo novos centros de saúde e diminuíndo os tempos de espera cirúrxica.