O Servizo Galego de Saúde realizou un investimento de case dos millóns de euros, dirixidos á ampliación e renovación das instalacións e equipamentos actuais. A central funcionará como Unidade Centralizada de Esterilización, que dará servizo a todos os centros do complexo hospitalario. A súa capacidade permítelle atender unha actividade cirúrxica mínima de 40.000 intervencións anuais.
Esta nova dotación dispón dunhas instalacións e dun equipamento baseados na automatización de procesos. Fisicamente, o servizo estará estruturado en varias áreas funcionais: área de lavado; área de preparación e empaquetado; área de esterilizado; e área de almacenaxe e transporte.
Entre as novidades máis salientables, cómpre subliñar o seu Sistema de Xestión e Trazabilidade, que posibilita a integración informática da xestión integral de todos os procesos aos que sexa sometido o material (lavado-descontaminación, inspección, empaquetado, esterilización, almacenaxe, distribución e recepción), así como o control dos propios dispositivos.