As sesións foron impartidas polos dous máximos responsables do Proxecto HUCI (Humanizando os coidados intensivos) en España. Por unha banda, o facultativo Gabi Heras, do Hospital de Torrejón, en Madrid. E por outra, o enfermeiro José Manuel Velasco, que traballa no Hospital Universitario Virgen de la Victoria, en Málaga.
O curso HUCI trata de establecer as pautas que deben seguirse dentro dos plans de humanización das Unidades de Coidados Intensivos, de Urxencias e de hospitalización.
Nas sesións participaron facultativos especialistas de área, enfermeiras, TCAEs e anestesistas, ademais dun fisioterapeuta e unha administrativa, que están adscritos aos servizos de UCI, Urxencias e Reanimación do Chuvi.
Servizos máis humanos
Dentro do Proxecto HUCI hai que subliñar, por exemplo, a recente ampliación do horario de apertura da UCI desde as 12.00 ata as 23.00 horas, terminando así coa restrición que existía permitir as visitas aos pacientes só dúas horas ao día. Unha medida da que se beneficia un milleiro de familias ao ano. Ou a apertura durante as 24 horas da UCI pediátrica.
A UCI do Álvaro Cunqueiro é das poucas de España en implantar estes novos horarios. Para levar a cabo a aplicación desas medidas é necesario que os propios profesionais do servizo, así como os do resto de coidados críticos, asuman unha formación específica.
“Trátase de iniciativas que buscan un cambio integral, que converta as Unidades de Coidados Intensivos en lugares amables para todos, tanto para os usuarios como para os profesionais”, afirma a xefa del servizo, a doutora Dolores Vila, que engade: “Nos últimos anos, o desenvolvemento tecnolóxico da medicina levou parella unha práctica clínica moi tecnificada e protocolizada. Como consecuencia, ás veces, descoidamos priorizar as necesidades emocionais dos pacientes, as familias e incluso do persoal sanitario. Chegou o momento de comezar a rehumanizar a atención dos coidados críticos”.