Unha decisión que “provoca un claro prexuízo” para as familias ao non teren consulta no seu centro de saúde de referencia, pero que tamén se traducirá nunha «sobrecarga» dos e das pediatras de Navia e Sárdoma, a onde serán derivados. Ambos os dous centros xa teñen demandando o reforzo de medios e persoal, e que no caso de Navia xa presenta importantes demoras nas citas do servizo de pediatría e que aumentando o número de crianzas a atender só aumentarán.
«A falla de previsión e de planificación, e a política de continuados recortes sanitarios que aplica a Xunta do Partido Popular, volve deixar sen pediatría dúas parroquias da cidade», denuncia o edil nacionalista. Emporiso, urxen á xerencia da área sanitaria a rectificar a mal chamada «reorganización» estival, asegurando que «non podemos admitir como algo inevitábel que se prive de pediatra durante semanas a moitas familias viguesas».
Igrexas quixo recoñecer o esforzo que están a realizar os e as profesionais sanitarias que «poñen todo da súa parte para, malia os recortes do PP, ofrecer a mellor atención posíbel».
Desde o BNG insisten en reclamar ao Goberno galego a que atenda o «clamor social» que esixe unha mudanza radical da súa política sanitaria coa que xoga coa saúde das viguesas e dos vigueses. Un clamor que, subliñou Igrexas, a cidadanía lle fixo chegar con claridade na derrota electoral do PP nos comicios municipais do pasado 26 de maio.