Os oito asistentes ao curso -o número é reducido para poder estar presentes dentro do quirófano- procedían de hospitais de Ourense, Lugo, Logroño, Asturias e Portugal. A dirección estivo a cargo da xefa do servizo de Cirurxía Xeral e Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), a doutora Raquel Sánchez, e interviñeron cirurxiáns do complexo vigués especializados neste tipo de operacións.
“Pretendemos que, ademais de formarse, os asistentes ao curso coñezan as técnicas que utilizamos no noso hospital, e sobre todo a experiencia de asistir a operacións en quirófano, que complementan as sesións nas aulas”, explica a doutora Sánchez.
O Servizo de Cirurxía Xeral e Dixestivo do CHUVI puxo en marcha un plan de choque para acurtar a espera en pacientes que necesitan unha intervención de cirurxía bariátrica.
Esta cirurxía está indicada naqueles pacientes que sofren obesidade mórbida e nos que fracasaron tratamentos previos. A elección dun paciente para ser operado prodúcese despois do traballo dun equipo multidisciplinar do que forman parte, ademais dos cirurxiáns, endocrinólogos, nutricionistas, psicólogos ou psiquiatras. Os pacientes deben cumprir unha serie de requisitos estritos para someterse á intervención e comprometerse a manter hábitos saudables despois da cirurxía.
Ao longo deste ano a previsión é que se realicen ao redor de 100 operacións. Unha cifra que supón o dobre das que se fixeron en 2017. “Mellorar as esperas é un reto para o servizo, pero traballamos duro para conseguilo sempre coa colaboración de todo o equipo multidisciplinar”, subliña Raquel Sánchez.
De feito, a dirección do CHUVI dotou de máis recursos ao circuíto de obesidade co fin de acurtar as esperas e hai dous cirurxiáns máis con especial dedicación a cirurxía bariátrica.
“Tamén introducimos novas técnicas, como a cirurxía a través do embigo e de portos reducidos”, concreta a xefa do servizo.
Normalmente este tipo de intervencións realízanse mediante procedementos minimamente invasivos, que teñen a vantaxe de que o paciente se recupera antes da operación e redúcense as posibilidades de infeccións.