O curso desenvolveuse durante tres días, en sesións de mañá e de tarde. Pola mañá, os asistentes participaron nas intervencións cirúrxicas programadas en quirófano e pola tarde houbo sesións clínicas sobre técnicas e diagnósticos.
Participaron médicos de Portugal, Estremadura, País Vasco, Cataluña e Asturias. “O curso persegue completar a formación dos asistentes na patoloxía esófago-gástrica desde o enfoque diagnóstico e terapéutico”, afirma a doutora Isabel Otero, coordinadora das actividades.
Nas sesións cirúrxicas matinais programáronse intervencións destas patoloxías desde as benignas como divertículos, refluxo, hiato ou obesidade, ata as malignas como cancros de esófago e gástrico. Todas elas mediante técnicas laparoscópicas.
Ademais da doutora Isabel Otero, xefa de sección da Unidade de Cirurxía Esófago-Gástrica, participaron como formadores cirurxiáns do Servizo de Cirurxía Xeral, e tamén o fixeron nesta ocasión facultativos doutros servizos do CHUVI como Oncoloxía, Radioloxía, Dixestivo e Anatomía Patolóxica.
“Xa é o terceiro ano que facemos o curso e aspiramos a que se consolide aínda máis para que sexa unha referencia na formación a nivel nacional”, sinala a doutora Otero Martínez.