O Sergas explica que xa tense investido 400.209 euros na compra de equipamento electromédico para dotar aos centros vigueses de 3 ecógrafos, 50 desfibriladores e 57 electrocardiógrafos. Esta actuación responde á necesidade de dar unha correcta cobertura sanitaria á poboación no ámbito da atención primaria, mediante a renovación do material de diagnóstico obsoleto das consultas dos centros de saúde do Sergas así como a dotación do equipamento necesario.
A pasada semana xa instaláronse os tres novos equipos de ecografía -cun importe de 38.115 euros-, nos centros de saúde de Taboada Leal, Teis e Sárdoma. A renovación dos ecógrafos posibilitará a mellora na realización de programas específicos de saúde como: ecografía abdominal, urolóxica, xinecolóxica e de aorta e grandes vasos, que permiten ao profesional de Atención primaria descartar patoloxías no paciente, evitando o desprazamento de pacientes á atención especializada.
Nos próximos días tamén se distribuirán os 50 desfibriladores -adxudicados por 201.394 euros-, e os 57 electrocardiógrafos, cun custe de 160.700 euros. Os novos electrocardiógrafos vanse integrar de xeito directo cos sistemas corporativos dos Sergas, o que permitirá a realización de diagnósticos máis precisos e posibilitará o acceso ao electrocardiograma nativo ao especialista en cardioloxía.
900.000 euros
Esta nova dotación forma parte dun investimento global de 900.000 euros destinados, ademais de á compra de equipamento electromédico –os 57 electrocardiógrafos, os 50 desfibriladores e os 3 ecógrafos- á adquisición de aparataxe de mobiliario clínico e xeral para as consultas dos centros de saúde vigueses.
Así, vaise adquirir tamén novo material de diagnóstico cuxa licitación ascende a 344.850 euros: 60 unidades de holter de presión arterial -consistente no sistema para o rexistro, almacenamento e análise da presión arterial de xeito ambulatorio-; 50 espirómetros -dispositivos que miden a capacidade pulmonar-; e 6 retinógrafos- equipo para capturar imaxes da retina sen dilatación pupilar, para a determinación de retinopatías do paciente diabético-.
Tamén cabe lembrar a adquisición de 420 sillóns de traballo xiratorios con brazo; 2 sillóns de odontoloxía (un deles con equipo de Raios X); 12 dermatoscopios con cámara fotográfica; 109 pulxiómetros; 176 esfigmomanómetros electrónicos de adultos e obesos; 28 básculas con tallímetros; 4 electrobisturís; 47 otoscopios portátiles; 46 unidades de parede oftalmoscopia-otoscopio; 71 padiolas; 17autoclaves sobremesa con mesa, 2 carros de parada, etcétera.
Os novos equipos permitirán aumentar as prestacións de probas diagnósticas dos centros de saúde da área sanitaria de Vigo, e evitarán desprazamentos de pacientes ao hospital.