O principal obxectivo do curso, que se celebra o 13 de xuño no hospital Álvaro Cunqueiro, pasa por estreitar a coordinación entre os dous niveis asistenciais, a fin de conseguir melloras na abordaxe da enfermidade.
“Os últimos avances no coñecemento da esclerose múltiple outorgan cada vez maior importancia ao diagnóstico precoz e ao uso de medicamentos específicos, mellorando o prognóstico”, afirma a doutora Marta Aguado, relatora do curso xunto á doutora Elena Álvarez.
O proxecto pretende mellorar a información que manexan os facultativos de Atención Primaria sobre a enfermidade, orientada a un diagnóstico precoz. Ao mesmo tempo, establecer criterios claros para a derivación do pacientes desde o seu centro de saúde á consulta especializada no hospital. E ademais, mellorar o manexo do paciente en Atención Primaria facilitando o seguimento adecuado do enfermo.
A doutora Aguado aclara que “os novos fármacos que apareceron nos últimos anos dispénsanse, na súa maioría, no hospital e son medicamentos que necesitan dun control de riscos; por ese motivo, é bo que os médicos de Familia dos pacientes poidan implicarse nese control”. De feito, hai medicamentos que, no seu tratamento máis agresivo, poden conseguir un control da enfermidade de ata o 80%.
En decembro do ano pasado a unidade xa realizou outro curso sobre a esclerose múltiple. Naquela ocasión centrouse en coñecer as inquedanzas dos pacientes e informar aos seus familiares ou achegados.
600 pacientes
A Unidade específica de Esclerose Múltiple do Chuvi atende a case 600 pacientes que sofren esta enfermidade do Sistema Nervioso Central na área sanitaria de Vigo.
“A EM é unha enfermidade crónica que cursa en brotes que non sempre se recuperan por completo e progresivamente pode ir aumentando a discapacidade dos pacientes cun deterioro progresivo da calidade de vida”, explica a neuróloga Marta Aguado.
Ademais da discapacidade física, en ata un 80% dos pacientes aparece fatiga como consecuencia da enfermidade e trastorno do ánimo. A fatiga é un síntoma que supón un deterioro importante da calidade de vida pero que, como non se pode medir, o paciente pode ser incomprendido. A neuróloga do Chuvi sinala que “cos tratamentos actuais podemos modificar a evolución natural da enfermidade, por iso é importante unha abordaxe precoz”.