O Sergas informou este vernes de que coa reincorporación a vindeira semana das intervencións de tarde no Cunqueiro, o Chuvi xa realiza a práctica totalidade das intervencións extraordinarias, ao programar cirurxías en 7 quirófanos (5 no Meixoeiro e 2 no HAC) do total dos 8 quirófanos diarios vespertinos que viñan sendo habituais. Así, a próxima semana o CHUVI ten programadas 591 intervencións cirúrxicas en xornada de mañá e tarde, 393 no Meixoeiro e 198 no Cunqueiro.
«Con esta medida dáse un paso máis na recuperación da normalidade asistencial do Chuvi, que, tal e como se fixera público, irase recuperando paulatinamente, sempre condicionada polo principio que está a rexer todo este proceso: garantir as máximas condicións de seguridade», sinala nun comunicado a Xunta.
«Co obxecto de minimizar a repercusión asistencial derivada das incidencias na esterilización dos contedores de instrumental cirúrxico, continuarase realizando unha validación diaria da actividade cirúrxica programada, para manter intacta a cirurxía prevista en xornada de mañá, tal e como ten acontecido coa programación desta semana», engade o Sergas.
Causa multifactorial
Os informes técnicos elaborados polas empresas proveedoras conclúen que o proceso de oxidación acelerado do alumino dos contedores produciuse por unha combinación de factores químicos e de temperatura como a tipoloxía e concentración dos deterxentes empregados no lavado, a tipoloxía e temperatura da auga utilizadas, o humectante/ desincrustante e os aceleradores de secado, concorrentes no procedemento de esterilización. «Confírmase así o primeiro diagnóstico realizado polo servizo de Medicina Preventiva», apunta o comunicado.
O Sergas asegura que «desde o primeiro momento en que se detectou a situación, e seguindo os informes dos técnicos das casas proveedoras, téñense reconfigurados os diferentes parámetros físico químicos anteriormente mencionados, evitando así que esta situación se volva a repetir. Continuarase realizando unha monitorización permanente do proceso».
Completada a avaliación dos contedores afectados, procedeuse á retirada provisional daqueles cun maior nivel de oxidación. Un total de 300 que quedan fóra de uso, e serán suxeitos a un proceso de recuperación pola empresa fabricante. O resto foron sometidos a varios ciclos consecutivos de esterilización con vapor, segundo a recomendación dos técnicos, xa que esta medida permite recompoñer a superficie afectada e recuperar a funcionalidade das cubetas. Isto fixo posible a incorporación paulatina dos contedores á actividade cirúrxica do Álvaro Cunqueiro ao longo desta semana. Ademais, téñense adquirido 218 cubetas novas con carácter urxente.