“E iso é debido a unha falta de previsión do que son os ciclos normais das doenzas, polo tanto un problema de incompetencia dun goberno incapaz de xestionar de forma racional a e razoable os propios recursos, non hai un problema de falta de atención, o que hai é un problema de falta de persoal, de recortes na sanidade pública que nos impide acceder con normalidade a un dereito fundamental básico como é a saúde”, continuou Villares, que reivindicou unha revisión de toda a planificación da sanidade que permita atender en tempo e forma a todas as persoas doentes.
Ademais, para En Marea esta situación non responde a un problema circunscrito ás Urxencias, senón que é un problema xeral da sanidade pública, pola desatención e infradotación de medios en Atención Primaria, que debería contar con medios suficientes para atender casos que non son emerxencias.
“Parécenos terrible que a partir das advertencias feitas polas diferentes centrais sindicais e dos diferentes grupos da oposición, a Xunta non tomase ningún tipo de medida para prever unha situación que se dá todos os invernos e que deberían ter capacidade de xestionar”, engadiu Eva Solla que asegurou que “hai unha intencionalidade nese deterioro da sanidade publica no noso país a pesar de que na ponte de Decembro houbo colapsos nas Urxencias advertidas por En Marea, que rexistrou unha batería de iniciativas a principios do mes de decembro”.
Malia iso, “a Xunta non fixo nada e non foi ata pasado o Nadal que decidiron abrir as plantas do hospital do Meixoeiro que estaban pechadas cando xa se sabía que era inasumible ter doentes agardando días por unha cama”, lamentou.
Camas pechadas
Logo de que a propia Xunta recoñecese que un 20% dos casos precisan hospitalización En Marea considerou “indecente que ata fai só uns días permanecesen camas pechadas cando había posibilidade de ter esas persoas ingresadas e non nun corredor”.
“Esiximos á Xunta que tome medidas e presente un plan de continxencia senón tamén de planificación, pois non se pode dicir que a gripe vai vir a principios de febreiro cando a comezos de decembro xa había colapsos”, reivindicou Solla, lembrando que “quen sofren esta situación son doentes e familiares que pasaban o fin de ano nos corredores das urxencias pero non tiveron unha soa palabra no discurso de Feijóo”.
Pola súa banda, a concelleira da Marea de Vigo Marga López Barreiro reafirmou o apoio de En Marea e da súa organización ás mobilizacións do día 4 de febreiro contra o anteproxecto de Lei de Saúde coa que o “goberno galego só pretende afondar na privatización da sanidade en detrimento da atención aos usuarios”.