Trátase dun pequeno libro, en formato de cómic, no que a protagonista é Andrea, unha nena que padece enfermidade renal crónica. A través das páxinas, con debuxos e esquemas, a nena describe os seus sentimentos desde o primeiro diagnóstico ata a fase de tratamento e posteriormente a súa vida cotiá coas especificacións propias que debe seguir no seu día a día.
De forma moi intuitiva e gráfica, os autores debullan cada unha das características da enfermidade renal crónica, así como as pautas de conduta que deben seguir os nenos ou nenas afectados e os propios familiares.
A guía distribuirase ás familias con menores enfermos a través dos servizos de Pediatría, Nefroloxía e Traballo Social do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI).
Tanto o xefe do servizo de Pediatría, José Ramón Fernández Lorenzo, como o de Nefroloxía, José María Lamas, recibiron de bo grado os exemplares da guía, de mans do presidente de Alcer Pontevedra Eugenio Sánchez, e subliñaron a idoneidade do formato elixido para a súa publicación.
Xornadas Renais
Con posterioridade, Alcer celebrou no Hospital Álvaro Cunqueiro, a segunda edición das súas Xornadas Renais, con varias mesas de debate. Nelas abordáronse asuntos como a Síndrome Hemolítica Urémica, a medicación en diálise, a importancia do control do peso e o exercicio en hemodiálise, indicacións e riscos do transplante renal, o coidado dos accesos vasculares e os dereitos e deberes dos pacientes renais.
Ademais, na xornada falouse do “Programa Medro con Alcer”, creado pola Federación Alcer Galicia e que é pioneiro en España para menores con enfermidade renal. A apertura da xornada contou coa presenza do xerente da área Sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña; do presidente de Alcer Pontevedra, Eugenio Sánchez; e do xefe do servizo de Nefroloxía do CHUVI, José María Lamas.