O alcalde de Vigo animou esta mañá a todos os vigueses a participar o vindeiro xoves 12 de abril na manifestación convocada polo persoal dos hospitais de Vigo para denunciar a situación da Sanidade na cidade. Caballero destacou, entre outros problemas, as «inmensas listas de agarda nos hospitais». Lamenta que «seguen pechando camas» e puxo como exemplo que a pasada Semana Santa no Meixoeiro pecháronse 120 camas e no verán, entre o Meixoeiro e Cunqueiro, 180 camas. «En lugar de aproveitar ese tempo para reducir as listas de espera, auméntanas», afirmou.
Denunciou tamén a situación do laboratorio central, que se sitúa no Hospital Meixoeiro, o que obriga a que «todas as mostras teñan cada día que ser trasladadas 8 quilómetros, o que supón un grave deterioro da Sanidade; esta situación clama ao ceo», advertiu. Lembrou ademais a situación do aparcadoiro de pago. «O parking do hospital ten que ser gratis e iso é unha demanda colectiva, pero o Partido Popular de Vigo non quere que sexa así».
Ademais de apoiar esta convocatoria, o rexedor solicitou aos alcaldes da área sanitaria que o apoien tamén e animen aos seus cidadáns para participar. «As deficiencias do hospital son moitas: este hospital privado non se fixo para atender cidadáns, senón para que alguén gañe moito diñeiro», concluíu.