«A EOXI (Estructura Organizativa de Xestión Integrada) de Vigo garante a absoluta seguridade nas súas instalacións e desminte a existenza de calquera “epidemia” no Álvaro Cunqueiro, dacordo cos rexistros epidemiolóxicos de infeccións no Centro», afirmou o Sergas nun comunicado remitido a tarde deste xoves..
Segundo explica, o illamento dos pacientes hospitalizados, buscando facilitar as precaucións de contacto, é unha situación habitual en todos os Hospitais e utilízase por exemplo cando un paciente esta inmunodeprimido para protexelo de axentes infecciosos externos.
«A presenza da bacteria Klebsiella é algo común en todos os centros de internamento e a súa presenza no Álvaro Cunqueiro é similar a de calquera outro hospital do noso entorno. A orixe destes xermes resistentes non está tan relacionada coas condicións hixiénicas dos centros, senón co uso inadecuado dos antibióticos. Hoxe en día, as infeccións son un dos eventos adversos que máis preocupan a todos os sistemas sanitarios de España, de Europa e do mundo. O uso inapropiado dos antibióticos deu lugar a resistencias, é dicir, xermes que hai uns anos se combatían de xeito doado, agora son resistentes a case que todos os antibióticos dispoñibles, e iso é un problema grave, non de Vigo nin de Galicia; é un tema de Saúde Pública e de seguridade do paciente de carácter internacional, que está a dar lugar a estudos, plans e estratexias a todos os niveis», indica o Sergas.
O comunicado engade que a prevaleza de infeccións asociadas á asistencia sanitaria en países desenvolvidos oscila entre o 5% e o 10% dos pacientes hospitalizados e que no momento actual, a maior parte dos illados no Cunqueiro non son por Klebsiella, senón polas propias condicións clínicas do paciente. «Entre as medidas postas en marcha pola Consellería de Sanidade para facer fronte ás infeccións por Klebsiella e outros xermes resistentes destaca a elaboración dunha Guía destinada a hospitais, co obxecto de previr as infeccións por esta causa», apunta.
Grupo de traballo e protocolo específico
O Sergas indica tamén que no Álvaro Cunqueiro creouse a principios de ano un grupo de traballo específico para o seguimento e control desta bacteria, que a súa vez forma parte do grupo autonómico da administración sanitaria galega. «Neste marco, o Cunqueiro dispón dun protocolo específico, con medidas de control para atallar a expansión do xerme. Así, desde o pasado mes de marzo realízanse controis a todos os pacientes que ingresan nas Unidades de Coidados Críticos ou en outras unidades, en función das necesidades, revisións que se repiten semanalmente», asegura.
«O Servizos asistenciais da EOXI de Vigo con responsabilidade na área de infección (Medicina Preventiva, Microbioloxía, Medicina Interna, Medicina Intensiva, etc.) garanten o cumprimento dos protocolos que regulan os controis hixiénicos e ambientais, e os parámetros de bioseguridade requiridos e esixibles no centro hospitalario», indica.
O Sergas explica que desde principios de ano reforzáronse os aspectos de formación do persoal sanitario e establecéronse as medidas de hixienización especifica para esta bacteria, incorporándose equipamento de alta desinfección para levala a cabo.
«Desde a Consellería de Sanidade faise un chamamento e unha apelación ao sentido común e á sensatez nas declaracións relativas a este tipo de temas, dado que poden contribuír a xerar unha alarma inxustificada na poboación. Neste contexto, non é apropiada a utilización de temas asistenciais para xustificar reivindicacións laborais», conclúe.
Artículo relacionado:
Los sindicatos denuncian una epidemia bacteriológica en el Cunqueiro