Ante a incapacidade da Xunta para cubrir a praza debido ás vacacións, o servizo de pediatría trasládase a Navia, unha medida que afecta a máis de 1.000 nenos de catro parroquias viguesas. As familias damnificadas protestaron este sábado cunha concentración, con corte de tráfico incluído, na converxencia da avenida Ricardo Mella coa estrada do Vao, fronte á antiga estación do tranvía de Coruxo.
O Sergas, pola súa banda, tenta xustificar unha medida que se puxo xa en práctica o pasado día 2 de xullo. Nun comunicado sinala que «a pesar de todos os esforzos realizados pola dirección da EOXI de Vigo -tal e como ténselle comunicado ás asociacións de veciños nas xuntanzas mantidas ao efecto -non foi posible cubrir a praza do pediatra de Coruxo, polo que os menores desta parroquia están sendo atendidos en Navia, que é o centro máis cercano, a unha distancia aproximada de 3,5 quilómetros; isto é, entre 8 e 10 minutos».
«Con esta iniciativa queda garantida a continuidade da atención infantil de Coruxo por especialistas en pediatría así como o dereito ao desfrute das vacacións dos pediatras», engade O Sergas
A Xunta, ademais, traslada ao Concello a responsabilidade de paliar as consecuencias que está a ter a supresión de servizo de pediatría en Coruxo. «Hai que recordar que é competencia municipal resolver as posibles “incomodidades” que para algúns veciños poderían supoñer esas medidas -como os desprazamentos a Navia para recibir asistencia-. Ante isto, o Concello debe, en cumprimento das súas obrigas, ofertar un bo servizo de transporte público e implementar liñas directas entre as parroquias de Coruxo e Navia», di o comunicado.
Por último, o Sergas reitérase nas súas xustificacións aludindo ao «déficit de pediatras»: «É a realidade sanitaria é a seguinte: a agrupación de pediatras nos centros de saúde responde a unha decisión técnica, que a administración está adoptando en toda Galicia de acordo coas sociedades científicas e profesionais, para buscar unha solución ao problema do déficit de especialistas en pediatría, e garantir a atención infantil con mínimos desprazamentos».