Trátase da acreditación que concede o GEAS (Grupo de Enfermidades Autoinmunes Sistémicas) que depende da Sociedade Española de Medicina Interna. “É a certificación que se denomina 3b, a máis alta das que se conceden a nivel nacional, e que supón que se presta unha asistencia de calidade ademais de actividade docente específica e investigadora. Xa dispoñiamos dela, pero agora tiñamos que renovala, facer de novo a avaliación para comprobar que seguimos en parámetros de excelencia, e conseguímolo”, explica o responsable da Unidade, o doutor Alberto Rivera.
Nestes momentos, só hai 9 Unidades en España que dispoñen dese tipo de acreditación. “Este dato é importante; é destacable que o CHUVI conte con este dispositivo asistencial, que está entre os máis recoñecidos de España”, subliña o doutor Rivera.
Sete especialistas
A Unidade depende do Servizo de Medicina Interna do complexo hospitalario vigués e está integrada por sete especialistas, ademais do persoal de enfermaría. Nela diagnostícanse e trátanse as Enfermidades Autoinmunes Sistémicas, que son aquelas ocasionadas polo ataque do sistema inmunolóxico propio e que afectan a múltiples órganos ou sistemas vitais.
Mantén sete consultas específicas á semana e anualmente realiza máis de 600 primeiras consultas a pacientes. Unha actividade que se complementa coas 2.300 revisións ao ano a enfermos diagnosticados con anterioridade.
Ao tratarse dun grupo de enfermidades que afectan a múltiples órganos ou sistemas, e co obxectivo de proporcionar unha atención integral ao paciente, estes profesionais traballan de forma coordinada con outros servizos do CHUVI: Hematoloxía, Laboratorio de Inmunoloxía, Obstetricia e Xinecoloxía, Cirurxía Vascular, UCI Pediátrica, Nefroloxía, Pneumoloxía e Oftalmoloxía.
Paralelamente ás consultas presenciais, a Unidade mantén abertos outros dispositivos asistenciais para facilitar unha maior integración con Atención Primaria, a consulta telefónica, e-consulta e consultas urxentes fóra de cita.
Tamén se realizan controis ambulatorios de pacientes complexos que reciben tratamento no Hospital de Día, así como consultas diagnósticas e terapias sen ingreso, en estreita coordinación co servizo de HADO.
Docencia e Investigación
No ámbito da docencia, ademais das rotacións de estudantes, a Unidade oferta formación de médicos residentes, moitos de fóra de Galicia. “O interese de médicos residentes por formarse connosco dá unha idea do prestixio que a Unidade ten a nivel de toda España”, afirma o doutor Alberto Rivera. Do mesmo xeito, os integrantes da Unidade teñen presenza na maioría dos congresos nacionais e Internacionais, aos que acoden para presentar as novidades en canto a investigación e tratamentos.
O Dr. Rivera destaca, ademais, o importante número de publicacións en revistas científicas internacionais sobre os avances en investigación que se obteñen no CHUVI grazas ao traballo desta unidade.