Segundo explica o Sergas nun comunicado a redución das listas de espera era un dos obxectivos prioritarios que se fixaron cando se produciu a reorganización da área sanitaria de Vigo no ano 2015, coa apertura do Hospital Álvaro Cunqueiro e tamén o que se marcou a Xerencia viguesa hai un ano.
O departamento autónimo indica que “ continúa incrementándose a actividade cirúrxica como xa se apuntou no primeiro semestre do pasado ano e esa circunstancia fai que melloren os datos das demoras”, sobre todo nas intervencións de maior gravidade, as cualificadas como de “prioridade 1”. Neste apartado, a espera media está en 17,2 días, é dicir case na metade das 30 xornadas fixadas pola Consellería de Sanidade como máximo para operar estas patoloxías.
Destacan os 19,3 días de espera en Uroloxía, os 21,4 días en Cirurxía Torácica, os 42,7 días que se rexistran en Anxioloxía e Cirurxía Vascular ou os 43,6 días en Neurocirurxía.
“Hai que destacar o gran papel que xoga o Hospital do Meixoeiro, onde se realizan dous de cada tres das intervencións do CHUVI, a maioría cirurxías maiores ambulatorias ou sen ingreso. Un traballo que, sen dúbida, contribúe a que se vaian mellorando os tempos de demora cada vez máis”, suliña o xerente da área sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña.
Practicamente sen lista de espera para as Vías Rápidas
Centradas fundamentalmente nos procesos oncolóxicos, as Vías Rápidas manteñen uun escelente funcionamento no CHUVI . Así, a vía rápida de Alergoloxía ten unha media de espera de 8,62 días; a de Melanoma está en 3,43 días; a de Larinxe atende primeiras consultas en 1,52 días; as urolóxicas de Próstata e de Vexiga teñen unha espera de 2 e 1,5 días respectivamente; a colonoscopia por vía rápida aténdese en 3 días; e as dúas vías rápidas de mama están en 3,22 e 4 días de espera media respectivamente.
Consultas de especialistas e probas diagnósticas
A tendencia do último ano mantense no primeiro semestre de 2019 en canto á mellora dos tempos de espera para primeiras consultas con especialistas no CHUVI, segundo indica o Sergas.
Así a espera media sitúase en 47,2 días, unha cifra que é menor da que se rexistrou no balance anual de 2018, todo iso nun contexto de incremento notable da actividade cirúrxica ao mesmo tempo.
En canto ás consultas de especialidades cirúrxicas destacan, polos seus escasos tempos de demora, Cirurxía Torácica, 3 días; Cirurxía Pediátrica, 5,9 días; e Uroloxía, cunha media de 7,6 días de espera. En canto ás especialidades médicas, as que teñen un menor período de espera para primeira consulta son Oncoloxía Médica, 3,1 días; Medicina Interna, 7,4 días; e Obstetricia, 10 días.
No que se refire ás probas diagnósticas, continúa a tendencia de redución dos tempos medios de espera e sitúase no primeiro semestre nunha media de 70,7 días. A consolidación da rebaixa dos tempos de demora oscila segundo o tipo de proba e a especialidade.