«O caos organizativo provocado pola dirección do Sergas, que tenta cubrir constantemente “con parches” as insuficiencias de persoal, está a repercutir nunha notábel diminución na calidade asistencial, incrementando a saturación de servizos tan esenciais como os de Urxencias», denunciou este xoves o sindicato CIG.
A central nacionalista apunta nun comunicado que a transferencia dunha auxiliar de enfermaría TCAE desde a área de observación á de boxes agrava unha situación xa de por si complicada. O persoal denuncia que, de feito, os ratios de auxiliares por doente son moi superiores aos recomendados pola Sociedade Española de Enfermaría de Urxencias, que indica que debe existir unha relación de seis a un, mentres que no servizo diurno chegan a dez, e no nocturno mesmo a quince.
Segundo explican desde a CIG-Saúde, existe un “círculo vicioso” no que, para evitaren novas contratacións, se recorre a recortar en determinadas campos para paliar outros. Na área de observación de Urxencias xa non se dá cuberto o inxente traballo co persoal que hai, e restándolle unha auxiliar “diminúen a calidade asistencial”, agravando a situación no departamento.
Asemade, os prolongados tempos de espera para ingresos, consecuencia dos recortes, precisarían de maior continuidade nos coidados, e por tanto de máis persoal TCAE, que é precisamente onde o Sergas diminúe efectivos. En todo o proceso xérase, por se fora pouco, unha situación de estrés no persoal ao non dar cuberto todas as tarefas.
«A dirección desenténdese»
A Xerencia do Álvaro Cunqueiro, en resposta á demanda formulada pola CIG-Saúde, “non aclarou nada” en relación ás necesidades concretas da categoría de auxiliar de enfermaría en Urxencias.
«Unha sobrecarga que coa chegada da estación invernal, do ciclo de gripes e da descompensación de crónicos acentuará os problemas dun servizo para o que se demanda un incremento en efectivos, e non o desmantelamento ao se ve abocado en base ás decisións do Sergas», apunta o sindicato.
Neste sentido, o persoal auxiliar iniciará estes días unha campaña de denuncia e información aos doentes, acompañada dunha recollida de sinaturas que procura a rectificación do organismo público.