Os dispositivos que comezarán a adquirirse destinaranse á Unidade de Arritmias do CHUVI, encargada da súa implantación. En concreto, o servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo coloca ao ano ao redor de 400 marcapasos e algo máis de 90 desfibriladores.
Para a realización das intervencións a Unidade de Arritmias dispón no Hospital Álvaro Cunqueiro de dúas salas de Electrofisioloxía, cun importante volume de actividade de implantación de marcapasos, desfibriladores e holters.
A mencionada Unidade recibiu, o pasado mes de setembro, unha acreditación nacional da Sociedade Española de Cardioloxía (SEC) polo proceso de “Seguimento de Dispositivos de Estimulación Cardíaca”, en recoñecemento ao cumprimento dos estándares de calidade. A citada acreditación “SEC Excelente” foi outorgada a unha decena de hospitais en España, entre os que está o Álvaro Cunqueiro.
Os dispositivos cardíacos son cada vez máis avanzados tecnoloxicamente e están en continua evolución e innovación, polo que o seu seguimento é moi complexo; esta acreditación ratifica a calidade asistencial destas prestacións e axudan a seguir mellorando a calidade de vida dos pacientes con enfermidades cardiovasculares.
As arritmias cardíacas supoñen unha alteración do ritmo cardíaco e son patoloxías moi prevalentes. De feito, a máis frecuente, a fibrilación auricular, afecta a entre un 3 e un 4% da poboación da área sanitaria de Vigo.
A Unidade de Arritmias do Álvaro Cunqueiro está composta por un equipo de catro electrofisiólogos, cinco profesionais de enfermaría e dúas TCAEs, que traballan cos últimos avances tecnolóxicos en tratamentos cardíacos.
Esta Unidade foi das primeiras en España e a primeira de Galicia na implantación de dispositivos sen cables no ventrículo dereito e de desfibriladores bicamerais (na aurícula e no ventrículo).
Outras acreditacións
A Sociedade Española de Cardioloxía ven de distinguir hai poucos días ao CHUVI con outras tres acreditacións de excelencia en procesos e procedementos cardiolóxicos. O Álvaro Cunqueiro foi o único hospital de España que se fixo con tres acreditacións de calidade asistencial nesta ocasión.
En concreto, foi a acreditación no proceso asistencial da “síndrome coronaria aguda con elevación de ST”, considerada como a presentación máis grave do infarto. As outras dúas acreditacións foron polo proceso de rehabilitación cardíaca implantado no CHUVI, así como polo procedemento do “balón de contrapulsación intraaórtico”.