Sárria é unha vila de antigos emprendedores modernos. Cando aínda non sabiamos que era iso de emprender, as corporacións gubernameintáis mundiais aínda non nos arruinaran, Sárria –así, con acento histórico- picaba pedra na vía para que o tren levara o porvir aos lugares menos desenvoltos. Chocolate e cemento, os dous piares dunha economía gandeira, agrícola e industrial a medio camiño entre o Monforte histórico e a aínda máis histórica capital, Lugo.
A rúa do Porvir, berce galego das antigüidades, será coñecida hoxe por un incidente, un antigo suceso que, coma ben saben os anticuarios, se está a restaurar cotexando incertezas.
De aquí saíu Monbus, antes transportes Raúl-Sarria, sobriño do chofer elegante da rúa Porvir, Alfredo. Alfredo ía ó seu ritmo, fumando un pito mentras o autobús se ía enchendo cos feirantes. Outra cousa era seu irmán quen a voces afalaba a piteiras e tratantes, para facer máis viaxes, para facer máis cartos, aprendeu ben Raúl.
Na rúa do Porvir celébrase a Santa Lucía na fin do verán, unha festa epílogo, a grande da vila é o San Xoán no inicio da calor, a derradeira oportunidade de soñar antes da invernía achegada dende O Courel. Terra de cigoñas, cochos(porcos) e cochorras (merlos).
Epílogo de Reis, Alfonso IX, en realidade Afonso VIII de Galicia e León, coñecido así con mal nome para españolizar Castela e diferencialo do Alfonso VIII, veu morrer a Sárria, ía camiño do ceo. Nomes hai moitos, dende o escultor Gregorio Fernández (1576) e Fray Luis de Granada (1504) a actuais, aínda que xa falecidos e xa case esquecidos, coma Camilo Gonsar ou Xela Arias. Sárria, emponderada en pleno franquismo coa educación libertaria de Avelino Pousa Antelo e o sempre imprescindible mecenazgo empresarial da man de Don Antonio Fernández, xermolo de Zeltia, Pescanova, Cementos Oural, Colexio Fingoi, Asociación Menela…
Certo, Sárria, así, con acento histórico será buscada hoxe no google por cerebros adolescentes, non buscarán información sobre a histórica vila de Sárria e os seus fillos ilustres. Esquecerán o nunca aprendido, seguramente coma lle pasou ao home que non puido sair do armario da súa perdición, sen saber que tivo a fortuna de vivir nunha vila egrexia. E coma moitos, seguramente, non soubo ou non quixo saber que o Porvir lábrase aprendendo da historia, da xente que amosou o camiño, e moitas das veces,dos que se atoparon perdidos fóra do Camiño. Xa que logo, voa oportunidade nos brinda o periodismo para animar a coñecer Sárria e o porqué dese acento histórico. O seguinte paso debe andalo o lector.
Lois A.C., Sárria