“Estamos moi contentos, pisando o acelerador a fondo», declarou este luns na presentación do evento Joaquín Portabales, membro da organización. «Colleremos todo o recinto feiral por vez primeira logo de moitos anos», apuntou.
Serán 25.000 metros cadrados e os tres pavillóns ocupados pola moda, náutica deportiva, quads, coches de competición, clásicos, tunning… pois «está enfocado para todas as familias». De feito, na zona de exposición pódense atopar dende accesorios e recambios para automóbil ata superdeportivos Ferrari, entre outros, dende equipos e accesorios de car audio ata unha selección de vehículos clásicos, de competición ou 4×4. Ademais, como complemento hai un espazo infantil (que inclúe un scalextric e atraccións).
O prezo da entrada mantense ao custo destes últimos anos, 5 euros, coa novidade de que con ese billete tamén se pode acceder á exposición Bike&Running, que ocupará o pavillón 2 (6.500 m2) e estará dedicada a ciclismo e running.
A organización preparou por segundo ano consecutivo un campionato de exhibición internacional de indoor drift (derrapes en pista) o sábado pola noite (21:30 horas), pero tamén con outras catro sesións diúrnas (sábado, ás 17:00 e 19:00; domingo 16:30 e 18:30). Terá suplemento extra de 3 euros nas exhibicións diúrnas e de 5 euros na nocturna, pois a organización colabora con Agaela (Asociación Galega de Afectados pola ELA) á que doará 0,50 euros por entrada.
Durante as exhibicións de derrapes do sábado haberá tempo para ver ao Tábano FPV Team, especializado no manexo de drons de carreiras. Tamén haberá un Trofeo Top 25 Tuning no que participarán preparadores de España, Francia e Portugal.