Nesta primeira semana, o tema central será “As Illas e os seus habitantes”, polo que todas as actividades dedicaranse á cultura diferencial, adaptacións e particularidades de quen vive ou viviu nas illas do Parque. A primeira delas terá lugar este xoves, ás 19:00 horas, e será un obradoiro para público adulto centrado na botica do Parque Nacional.
Este venres, á mesma hora, haberá dúas proxeccións sobre as Ons; e o sábado ás 11:30 da mañá celebrarase outro obradoiro sobre a botica, pero esta vez destinado aos máis pequenos.
As actividades da próxima semana articularanse ao redor do “cambio climático” e do efecto do uso de combustibles fósiles. O venres 13, ás 19:00 horas, haberá unha charla-coloquio sobre a recuperación de aves petroleadas. Ao día seguinte (sábado 14) ás 10:30 será o turno dun obradoiro familiar sobre xoguetes sen pilas e forno solar.
A semana do 16 ao 22 de novembro xirará ao redor da noite e das estrelas. Para afondar nesta temática, o xoves 19 ás 19:00 horas haberá unha charla-obradoiro titulada “Unha ventá aberta ao universo”. O venres, á mesma hora, proxectarase un documental de 50 minutos sobre a historia do universo. E, de novo, o sábado ás 11:30 organizarase un obradoiro infantil sobre a construción de trebellos astronómicos.
Na última semana de novembro a protagonista será a xeoloxía. En concreto, o xoves 26 ás 19:00 terá lugar unha charla-obradoiro baixo o nome “O vento pelexa sobre a area”. Á mesma hora do venres proxectarase unha produción audiovisual sobre as furnas do Parque Nacional; e o obradoiro infantil do sábado centrarase en xogos sobre xeoloxía.
Agás as proxeccións de cine, o resto de actividades teñen prazas limitadas, polo que é preciso reservar con antelación. A programación ao completo desenvolverase no Edificio Cambón, na Rúa Palma.
O horario deste centro é de 10 a 14 horas, e de 16 a 20 horas de luns a sábado, e de 11 a 14 horas os domingos e festivos. Hai visitas guiadas á exposición permanente todos os mércores ás 19:00 horas e os domingos ás 12:00 horas.