A proba realizarase o 6 de xuño ás 21.00 horas, con inscrición gratuíta para todos os participantes. O percorrido sairá das instalacións de Máis que Auga en Coia, cunha duración estimada dunha hora de camiño, incluíndo as paradas. Máis que Auga entregará aos corredores e corredoras as bolsas e luvas para a actividade.
‘Correcolle’ é unha actividade ambiental e deportiva, na que cada participante queimará unhas 600 calorías facendo un exercicio saudable, segundo estiman os especialistas de Máis que Auga. O seu nome procede de mesturar a palabra ‘running’ e a verba sueca ‘plocka upp’. Trátase dunha actividade deportivo-ecolóxica cada vez máis estendida entre a poboación europea. Desde hai tempo a etiqueta do #plogging é un hashtag popular nas redes sociais.
Como explica Francisco Cortegoso, director de Operacións de Máis que Auga, “queremos facer noso o ‘plogging’, unha iniciativa ambiental nacida en Suecia para recoller nunha bolsa os residuos que atopas na rúa cando saes a correr”.
“Non se trata só dun compromiso ou moda. O feito de se abaixar para coller algo do chan, facer sentadiñas, é unha actividade deportiva capaz de queimar en 30 minutos unhas 300 calorías”, sinala Cortegoso.
A empresa Máis que Auga colabora co Concello de Vigo en iniciativas lúdicas e deportivas de carácter social, como a carreira Correndo por Vigo do vindeiro sábado 9 de xuño. A empresa deportiva integrouse recentemente como colaboradora na Fundación España Activa para a promoción e difusión dos hábitos deportivos na sociedade