Cores Tourís puido coñecer así de primeira man este proxecto, invitado polos representantes da comunidade de montes, que acaba de poñerse en marcha e que suporá a execución dunha serie de actuacións como son a realización de repoboacións que sirvan como punto de partida para o aproveitamento racional dos montes inmersos nesta iniciativa.
Na visita, o delegado territorial estivo acompañado pola alcaldesa da localidade, Cristina Correa, o xefe territorial de Medio Rural, Miguel Dubois, e pola xefa do Servizo de Montes, Amalia Pazos.
O proxecto pretende utilizar terras agrícolas abandonadas (que non tiveron aproveitamento agrícola ou gandeiro nos últimos dez anos) ou terreos catalogados como forestais que, por diferentes motivacións, non son viables na actualidade. “O cambio de orientación produtiva xustifícase como alternativa á actual renda destes terreos, por canto o seu aproveitamento non reverte nos propietarios do monte e ademais, axúdanos a frear a degradación ecoloxica do mesmo”, explicaron os responsables da comunidade de montes, que, a maiores, explicaron que xa se solicitou ante a administración competente a solicitude de cambio de cultivo para poder plantar cerca de 80.000 oliveiras (arbequina, frantoio e picual) nos seus terreos a partir do mes de marzo. “A superficie de plantación é aproximada, pero contamos con realizar plantacións sobre 250 e 350 hectáreas ao longo de 2016”.
Esta iniciativa poñerase en marcha en colaboración coa empresa Aceites Abril, quen pagará un canon fixo anual por hectárea á comunidade de montes ao longo de 20 anos de contrato, nunca inferior a 0,80 euros quilo e sempre tendo en conta que na actualidade o valor é de 4 euros o quilo, unha cifra histórica para este produto. “Este canon leva aparellado un ratio de produción, e grazas a elo, poderemos lograr a creación de postos de traballo a través de empresas auxiliares”, engadiron dende a comunidade de Loureza.
Entre as accións que se van a levar a cabo se atopan a roza mecanizada do terreo con desbrozadora de martelos; o subsolado lineal a 4 metros de rúa; o pase de fresa e a plantación manual de 2.000 oliveiras por hectárea. Tamén se instalarán liñas de suxeición e implantarase rego por goteiro e fertilización, executándose áreas de cortalumes e peche perimetral das parcelas.