Trátase de arredor de 333 árbores que, ata hoxe, estaban localizadas nas máis de 25 hectáreas de explotación forestal que integran o complexo, e cuxa retirada foi aprobada polo Goberno provincial por razóns de protección medioambiental e beleza paisaxística.
Para o comezo dos traballos foi preciso que o solo onde se atopan as árbores estivese moi seco, razón que fixo necesario ter que agardar a que o bo tempo se prolongase durante varios días. De xeito contrario, a maquinaria tería labrado moito os terreos e iso levaría consigo consecuencias negativas para o solo. A partir deste momento a empresa adxudicataria (Díaz y Buceta, S.L., que ofreceu un importe de 34,24 € por tonelada de madeira) terá un prazo de, como máximo, dúas semanas para proceder á tala de todos os exemplares de eucalipto da finca. A empresa poderá aproveitar todas as pezas resultantes da tala cun diámetro igual ou superior aos sete centímetros de diámetro e, aquelas que non cheguen a estas medidas, serán destinadas á elaboración de compostaxe.
A decisión da Deputación de Pontevedra de proceder a talar todos os eucaliptos da finca do Castelo de Soutomaior prodúcese polo feito de que esta especie é invasora e propicia unha serie de consecuencias negativas para as demais árbores e demais elementos naturais que conviven con eles.
Deste xeito, a institución provincial asegura a fin da presenza dunha especie non protexida, que esquilma o chan, que compite excesivamente tanto en luz como en auga e nutrientes do solo e que, ademais, polas características combustíbeis da súa casca e das súas follas supón un grave risco en caso de incendio, xa que provoca que se acelere a propagación do lume. A institución provincial, así, mantén a súa actuación en materia de conservación medioambiental, especialmente nuns terreos que contan cunha ampla variedade de árbores senlleiras, moitas delas mesmo centenarias.
Co alleamento desta especie invasora, a Deputación de Pontevedra protexe estas árbores senlleiras e o conxunto da biodiversidade do Castelo, así como asegura poder gozar das vistas que permite a localización privilexiada deste espazo e remata co grave perigo medioambiental que supón a existencia de eucaliptos, que acaban coa calidade estética e do solo.