A inscrición principia xa este luns 1 de outubro a través do 010 (986 81 02 60 dende móbil). No caso da andaina, unha vez feita a inscrición cómpre realizar o pago da achega (7 euros) a través da sede electrónica ou na Concellería de Medio Ambiente (2º andar do Concello).
O trazado previsto vaise realizar ao carón do río Ulla, o terceiro río máis longo de Galicia, e no que se poderán contemplar bosques de ribeira ben conservados, especies fluviais moi raras e ameazadas como o mexillón de río (‘Margaritifera margaritifera’) ou a toupa de río (‘Galemys pyrenaicus’), unha riqueza piscícola destacada, etc.
O percorrido da mañá (12,6 quilómetros de dificultade baixa) subirá polo río ata o miradoiro de Gundián, cunha panorámica excepcional da comarca de Tabeirós e Terra de Montes, á que pertence a Estrada. Despois de comer, quen o desexe, poderá realizar un percorrido de case 4 quilómetros, ata Monte Castro, cun pouco máis de dificultade.
É recomendable levar calzado que suxeite ben os nocellos e levar bastóns para camiñar.
Hortas urbanas e Iniciación ao voluntariado
A Concellería de Medio Ambiente ten programado para o sábado o curso básico de hortas urbanas (10.00-13.00 horas, Vigozoo, 5 euros), que habilita para participar nas hortas-escola do Concello de Vigo. Esta formación terá outra quenda o xoves 11 de outubro, de 16:30 a 19:30 horas.
Ademais, tamén o sábado de 10.00 a 13.00 horas no zoo desenvolverase o curso de iniciación ao voluntariado medioambiental, que é de balde. Para todas as actividades hai que completar a inscrición a través do 010 (986 81 02 60 dende móbil) ata o mércores previo.