O obxectivo da iniciativa é eliminar parte dos residuos que están nas praias así como dar unha chamada de atención sobre a problemática do lixo mariño. “A insostibilidade dos modelos de consumo e produción da nosa sociedade, as malas estratexias na xestión dos nosos residuos e a falta de sensibilización da poboación están detrás deste importante problema ambiental”, advirte Adega.
Desde a asociación consideran que a sensibilización do voluntariado “é chave para a realización destas xornadas ao poder observar de primeira man a cantidade de lixo a agochan as nosas praias”. Por iso, fan un chamamento a todas entidades, centros de ensino, concellos e persoas a título particular para que participen do obxectivo desta xornada e poder gozar de praias saudables.
Os residuos vertidos no mar teñen graves consecuencias para a os ecosismeas mariños: máis de 1.000.000 de aves mariñas e 100.000 mamíferos e tartarugas morren cada ano enredados ou por inxerir lixo mariño. Tamén pode afectar directamente á saúde humana, xa que moitos destes produtos conteñen substancias tóxicas, bioacumulativas e persistentes, que entran na cadea alimentaria.
Outro dos problemas asociados a estes residuos, é que provocan perdas económicas importantes, debido a que diminúen a pesca comercial e degradan lugares aptos para actividades recreativas e turísticas, ademais de supoñer un enorme gasto de limpezas de praias.