Un dos criterios que seguiu a administración autonómica para a distribución dos horarios de atraque foi o número de barcos por navieira que van a realizar o transporte regular este verán, asignando un máximo de catro horarios por cada barco de cada unha das compañías.
Así, os atraques en Cíes serán un total de 43 para a totalidade do período de transporte regular de viaxeiros, que se iniciará o vindeiro 24 de xuño e se prolongará ata setembro e os fins de semana e festivos de outubro.
Cómpre recordar que foi necesario reducir as frecuencias horarias na tempada 2018 por razóns de seguridade, tal e como se recomenda nun informe de principios de marzo emitido por Capitanía Marítima. Neste documento, indícase que o intervalo de tempo necesario entre as saídas dos barcos non debe ser inferior a 20 minutos por razóns de seguridade.
A Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a través do Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas, vén de trasladar dito acordo á totalidade de navieiras, ao tempo que lles lembrou que este acordo na distribución dos horarios non inflúe no número de visitantes que poden acceder ás illas.
Asemade, tamén se lle trasladará á Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) esta distribución de horarios coa fin de activar a aplicación de reservas. Este ano é obrigatorio que cada visitante conte coa autorización emitida pola Xunta de Galicia, que é persoal e intransferible, dotada de códigos de control QR, número de autorización e identificación do visitante. Dita autorización pode ser descargada a través da web http:autorizacionillasatlanticas.xunta.gal.