Para iso, o conselleiro do Medio Rural, José González, xunto ao director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e a delegada territorial da Xunta, Corina Porro, asinou este martes un acordo de colaboración coa mancomunidade de montes de Vigo e con cada unha das comunidades de montes veciñais en man común beneficiadas: a de Valadares, a de San Andrés de Comesaña, a de Coruxo e a de Zamáns.
Este acordo ten por obxectivo restablecer o valor ambiental, económico e social da contorna da cidade de Vigo, para o que se desenvolverá un plan de acción para os anos 2019, 2020 e 2021. Este programa de actuación suporá unha restauración total da masa forestal nestes catro montes veciñais.
En concreto, Medio Rural desenvolverá e asumirá o custo total dos traballos, que consisten na plantación de frondosas e coníferas, na realización de rareos sobre o rexenerado de coníferas e na colocación de peches para protexer a área rexenerada. Tamén se fará unha selección de brotes de eucalipto e procederase á eliminación de acacias e eucaliptos. Pola súa banda, as comunidades de montes facilitarán os seus terreos para a execución dos traballos, que ademais, cómpre sinalar, están en zona declarada de alto risco.
Esta será a primeira fase dun proxecto moito máis amplo, que pretende culminar coa configuración do monte da contorna da cidade olívica como un “bosque modelo” de carácter periurbano. Nestes bosques búscase combinar os usos tradicionais do monte coa creación de espazos de ocio e lecer para a cidadanía. En definitiva, trátase de acadar un monte en perfecto estado multifuncional, vivo, dinámico e sustentable económica, social e medioambientalmente, na procura da Galicia verde. Ademais, este proxecto, que se inicia en Vigo, estenderase ao resto das cidades da nosa comunidade, consonte as previsións do Plan Forestal de Galicia.
Segundo explicou o conselleiro, este plan levarase a cabo sempre de acordo coa mancomunidade de montes xa que se trata de terreos privados e en colaboración co Concello. Ademais, para a consecución deste obxectivo, José González tamén lembrou que é imprescindible que as parcelas dos propietarios individuais tamén estean en condicións axeitadas.
Do mesmo xeito, apelou á coordinación e á cooperación entre a Xunta, como autoridade competente en materia forestal, e o goberno de Vigo de cara ao deseño e á creación do anunciado ‘Anel Verde’ que quere desenvolver a administración local nos montes.