Ademais, sostivo que non existe o consenso necesario entre os municipios para levar a cabo esta actuación e que o Concello de Vigo “non achegou o respaldo orzamentario comprometido para executar a obra do río Verdugo”, malia que o alcalde, Abel Caballero, declarou publicamente que o consistorio olívico está disposto a pagar a obra.
A directora de Augas de Galicia tamén puntualizou que actualmente a situación non é extraordinaria, polo que é preciso mellorar a potabilizadora para poder aproveitar moita más auga en condicións de salubridade.
Segundo indicou, a esta actuación hai que sumar outras medidas necesarias para incrementar a garantía de abastecemento, e esas iniciativas adiantou que este venres se abordarán na xuntanza da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co secretario de Estado de Medio Ambiente e o alcalde de Vigo. Nese encontro, a conselleira tamén lle solicitará ao secretario de Estado a declaración do abastecemento de Vigo como Obra de Interese Xeral do Estado.
Gutiérrez amosou as diferencias entre a situación actual e a vivida en Galicia entre 2016-2017, que derivou na declaración de alerta por seca no mes de decembro pasado. Precisou que cando o encoro de Eiras estaba ao 38% da capacidade, é dicir, tiña auga para 55 días, a poboación xa non a podía consumir porque a ETAP non era capaz de tratala, e xa nese momento se insistiu na necesidade de actuar tamén na potabilizadora para que Vigo non tivese un problema tamén cando hai auga.
Na actualidade, subliñou, a situación é moito máis favorable, xa que o encoro de Eiras hai un ano estaba a estas alturas a un 49% da súa capacidade e agora está por riba do 60%, e o de Zamáns, que estaba ao 44%, está ao 57%.
Segundo indicou a directora, con estes niveis de ocupación a garantía de abastecemento é alta, pero hai que estar vixiantes e observar a evolución das precipitacións nas vindeiras semanas e a situación dos encoros, que agora mesmo nin está en prealerta.
Do mesmo xeito, salientou a importancia do caudal ecolóxico como medio para garantir o bo estado dos ecosistemas acuáticos do río e convidou ao Concello a participar no proceso de revisión dos valores establecidos, especialmente para o río Oitavén, no marco da actualización do Plan hidrolóxico da Demarcación Galicia-Costa.
Por iso, considera que non está xustificada unha medida extraordinaria como a redución do caudal ecolóxico. Gutiérrez indicou que o Goberno galego lle trasladou este xoves ao Concello de Vigo esta postura, no marco das medidas para garantir o abastecemento de auga na cidade e os 11 municipios do seu contorno.