Así o explicaron en rolda de prensa a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández Tapias, e os delegados territoriais de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e Vigo, Ignacio López-Chaves.
En concreto, esta orde conxunta recollía a posibilidade de establecer convenios de colaboración coas entidades locais para reparar ou repoñer os recursos e bens de titularidade municipal. Logo de reclamar información aos concellos, en colaboración estreita coa Fegamp, procedeuse a enviar técnicos para a comprobación in situ dos danos declarados para determinar a súa elixibilidade dentro do obxecto desta liña de axudas. Rematado este proceso, elaborouse a relación de gastos subvencionables nos que incorreron estes 41 concellos, e que ascende a uns 2 millóns de euros.
Tal e como se anunciara, a Xunta achegará o 50% desta contía, pero co fin de cubrir unha maior porcentaxe, dirixiuse por carta ás deputacións provinciais de Ourense e Pontevedra -onde os danos foron máis elevados- para solicitar a súa colaboración. O Goberno galego agradece a implicación da Deputación de Ourense, que xa mostrou a súa intención de colaborar na cobertura, e agarda que outras administracións tamén se sumen á iniciativa.
A distribución provincial dos 41 concellos beneficiados é o seguinte: 1 na Coruña; 5 en Lugo; 18 en Ourense; e 16, máis unha entidade local menor, en Pontevedra. En concreto, os beneficiarios da provincia de Pontevedra son os seguintes: Caldas de Reis, Cerdedo-Cotobade, A Guarda, Mondariz Balneario, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, A Cañiza, As Neves, Ponte Caldelas, Baiona, Mos, Pazos de Borbén, Soutomaior, Vigo e a entidade local de Morgadáns.
Nos próximos días a Dirección Xeral de Administración Local comunicará aos concellos a relación de actuacións subvencionables e comezará a tramitación dos correspondentes convenios de colaboración.