A propósito desta iniciativa a Presidenta subliñou ademais a importancia de que as institucións “saiban escoitar as propostas que parten da sociedade civil” como foi o caso da organización destas rutas ciclistas, e insistiu en que “fóra dos despachos hai grandes ideas”. Carmela Silva amosouse “moi satisfeita” tamén pola “excelencia dos resultados da Epic Race”, celebrada ao longo de varios concellos da provincia de Pontevedra durante a pasada fin de semana “non só pola boa organización, ou polo número de asistentes, a metade deles de fóra da Deputación, senón tamén pola cantidade de xente que se achegou a vela”.
O prazo de inscrición para a Depo Ruta de Sabucedo estará aberto entre o 2 e o 26 de outubro e nesta ocasión tamén se ofertarán 250 novas prazas. As inscricións, que son gratuítas, inclúen os dorsais acreditativos, un agasallo ao final da ruta, avituallamentos líquidos e sólidos, servizo de lavado de bicicletas, servizo de masaxe ao final da ruta, seguro de accidentes e de responsabilidade civil e servizos sanitarios.
A Depo Ruta de BTT de Verducido, percorrerá o entorno do monte Acival, con vistas dos concellos de Pontevedra, Moraña, Campo Lameiro e Barro. É unha ruta cun desnivel acumulado de 700m e cunha distancia de 29Km apto para todas as persoas maiores de 16 anos sen que requira unha gran forma física. Pola súa banda, a “Depo Ruta” de Sabucedo, tamén apta para todas as persoas, ten un recorrido de 30 km e un desnivel acumulado de 750m e percorre o entorno de Sabucedo e Codeseda, así como diversas corredoiras e camiños de bosques tradicionais galegos da Terra de Montes.